- Editorial:
- XERAIS
- Año de edición:
- 2003
- ISBN:
- 978-84-9782-045-5
- Páginas:
- 192
- Colección:
- VARIAS
CASA SKYLAB
JAUREGUIZAR
Daniel Rodríguez Patapao, cacique de Negueira de Rodríguez e propietario de Casa Ataúlfo, enfróntase a unha grupo de hippies que se instalan unha comuna exenta de colorantes e conservantes e comparten espacio vital con Antón Duracel, un babiolo que atopa o sentido da súa existencia cando se viste de coello para anunciar unha marca de pilas. Sobre todos eles sobrevoa o Skylab, unha estación espacial norteamericana que quizais estea buscando as gafas de Castelao, os xamóns que multiplicou Ramón Otero Pedrayo ou o sombreiro que vestiu a cabeza de Beiras custodiados no pub "Sempre en Galiza", unha especie de parque temático do nacionalismo que rexentan dous siameses que soñan con iniciar a loita de liberación nacional. Por alí pasa, tamén, o carteiro Pablo Neruda a contar o seu conto e chegan visitantes non desexados como o subcomisario Alberte Sanxil. "Casa Skylab", a obra gañadora do Premio Xerais 2003, é a terceira novela de Jaureguizar na que intervén este curioso investigador que nada investiga, despois das súas aparicións anteriores en "Comendo espaguetis diante da televisión" e "As horas sucias".
"Casa Skylab" de Jaureguizar é unha intensa novela, enchida de humor corrosivo, atravesada por unha trama criminal adobiada de mortes que aparecen e desaparecen ante o lector, como se a realidade fose un xogo de aparencias. Unha novela escrita dende unha visión irónica e sarcástica da realidade galega, presidida por un espírito iconoclasta, que o xurado de lectores do Premio Xerais 2003 definiu como "unha interpretación mordaz e paródica do galeguismo".
O xurado que lle outorgou o Xerais 2003, tamén, sinalou da obra que "partindo da súa modernidade conceptual, da súa estructura singular e polifónica, e do seu estilo rápido e tempo profundo, conecta con esa novelística galega que con Cunqueiro se enche de maxia e defuntos". Unha excelente novela chamada a renovar a narrativa galega da nova década.